Saturday 27 de April de 2024

75 persoas participaron nas catro xeorrutas organizadas por Cedeira, Moeche e Ortigueira durante a Semana Santa


O proxecto de xeoparque pechou este sábado o programa de xeorrutas organizadas para dar a coñecer algúns dos principais elementos que avalan a candidatura a Xeoparque Mundial da UNESCO. Foron catro itinerarios organizados polos concellos de Cedeira, Ortigueira e Moeche nos que as persoas participantes descubriron as peculiariedades do Complexo Xeolóxico do Cabo Ortegal como espazo único para comprender a dimensión da denominada Oroxenia Varisca que nesta zona elevou á superficie materiais que habitualmente só se encontran no Manto terrestre, a máis de 70 quilómetros de profundidade. As xeorrutas completaron rapidamente as 75 prazas ofertadas para ver os afloramentos de ecloxitas da banda sur da Capelada, as areas negras de Teixidelo, as formacións de toelo arredor do val de Moeche e a presenza de cromo e outros metais no borde dos cantís máis elevados da Europa continental.

Os itinerarios iniciáronse o mércores a primeira hora da mañá coa exitosa xeorruta da praia das areas negras e continuaron ao día seguinte, Xoves Santo, co percorrido do toelo -unha serpentinita abundante en certas zonas de Moeche, Cerdido e San Sadurniño- e o dos Penidos, lugar onde o IGME sinalou recentemente o sexto dos GEOSITES -lugares con relevancia xeolóxica internacional- cos que conta o ámbito do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal.

A cuarta xeorruta desenvolveuse na tarde do pasado sábado entre o cruceiro de Teixidelo e a Garita de Herbeira, seguindo o borde dos cantís para observar, ademais da espectacular paisaxe, as singulares peridotitas e piroxenitas entre as que se atopan presentes acumulacións de cromo e platino que a mediados do século pasado foron obxecto de estudo para coñecer seu potencial económico.

Estes percorridos -organizados nesta ocasión polos concellos de Cedeira, Ortigueira e Moeche- encádranse no plan de difusión xeolóxica e turística da zona aspirante a se converter en xeoparque mundial da UNESCO. Trala designación oficial das dúas candidaturas estatais en novembro pasado, neste intre o dossier do proxecto xa está en París en mans dos responsables do Programa Internacional das Ciencias e os Xeoparques para a súa análise.

Agárdase que en cuestión de días a UNESCO designe as persoas que levarán a cabo ao longo deste verán a avaliación de campo do proxecto Cabo Ortegal e do de Costa Quebrada (Cantabria), o outro territorio aspirante a se converter en xeoparque. Na súa visita, o persoal técnico e científico enviado polas Nacións Unidas verificará tanto a exclusividade xeolóxica da zona como o labor que se está facendo para vinculala cun desenvolvemento socioeconómico sostible.